Nace Urco Editora

1100

The Raven Urco Editora presentará-se en sociedade o vindeiro xoves día 20 de decembro na Sede da Fundación Caixa Galicia en Compostela, ás oito do serán. Neste acto falarán o responsábel de liñas editoriais de Urco, o responsábel de planificación editorial e mais Moisés Barcia, tradutor e crítico de traducións, responsábel de Rinoceronte Editora.

Dito acto tamén servirá para a apresentación do primeiro título da liña Gótica de Urco, unha edición bilíngüe e ilustrada do moi coñecido poema O corvo, de Edgar Allan Poe. Os asistentes que desexen suscribir-se ás novidades da editora recibirán este primeiro título como agasallo de benvida.

Urco Editora é unha nova iniciativa editorial que ven encher un oco histórico no sistema literário galego: a publicación de literatura de fantasía, ciéncia-ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de “clásicos” ou de “literatura xuvenil”. Por isto Urco é pioneira na achega sistemática destos tres xéneros ao público galego.

Os seus títulos, divididos en tres coleccións temáticas, Gótica, Fantasía e Ciéncia-Ficción, buscan en primeira instáncia sentar unhas bases sobre as orixes dos tres xéneros, coa publicación dos autores clásicos dos mesmos, e tamén doutros moitos non tan coñecidos polo grande público mais sen dúbida fundamentais para o desenvolvemento posterior desta literatura.

Nombergantes, para a esta casa editorial a novidade principal será o uso de licenzas Creative Commons para as traducións de textos sen dereitos, o traballo editorial baseado no software libre e open source e mais o recoñecemento do traballo dos colaboradores.