Director: Len Wiseman
Guión: Kurt Wimmer e Mark Bomback
Reparto: Colin Farrell, Kate Beckinsale, Jessica Biel, Bryan Cranston, John Cho e Bill Nighy
Calificación: 40 %
En 1990 Arnold Schwarzenegger rodou ás ordes do holandés Paul Verhoeven o filme que daquela foi o mais caro da história, baseado no conto We Can Remember It for You Wholesale de Philip K. Dick. O filme foi recibido moi positivamente pola crítica e mais o público, e até hoxe segue a ser tan visualmente interesante coma na día da súa estrea. Daquela, por que facer un remake?
Moitos dos éxitos do Hollywood de hoxe en día son remakes, apostas sobre seguro dunha indústria que coma calquera outro negócio, non quere tirar os cartos e tenta facer o que o público quere ver. Isto non é unha novidade dos nosos tempos: igual cá lendária rebeldía da xoventude, é unha constante dende que o cinema é cinema. Así que criticar este filme polo mero feito de ser un remake non é xusto. No seu lugar, vexamos a parte positiva.
En primeiro lugar, esta versión tenta afastar-se do tón agresivamente visual e multicór de Verhoeven, achegándo-nos a un mundo mais de tipo Blade Runner, certamente espectacular nos decorados e mais a imaxinería gráfica. Nela atopamos que a Terra após dunha guerra química ficou dividia en dúas zonas habitábeis: a Europa Occidental, agora reunida baixo o nome de Federación Británica Unida, e Austrália, que é chamada “A Colónia”, e que está a loitar pola súa independéncia. Os dous territórios están unidos por unha espécie de metro xigantesco, chamado “The Fall” (a caída) e que atravesa o centro da Terra para chegar ao seu destino nuns quince minutos.
Situar todo isto a finais do século XXI semella algo arriscado en termos de realismo político e científico, pero deixando iso a un lado, temos ao noso protagonista, Douglas Quaid (Colin Farrell), un traballador dunha empresa que fabrica robots, casado con Lori (Kate Beckinsale), unha muller policía, e acosado por pesadelos nos que é un axente secreto acompañado dunha fermosa parceira. Igual ca no filme orixinal, decide visitar Rekall, unha compañía que implanta recordos artificiais. Pero mentres que están a lle impantar os recordos, algo sae mal, aparece un grupo de policías e Quaid reacciona matando a todos e fuxindo. Ao chegar á casa, a súa muller tenta mata-lo, e de novo mentres fuxe atopa a Melina (Jessica Biel), a muller dos seus soños.
O resto do filme é unha sucesión de fuxidas, tiroteos, pelexas, acción e mais acción que combinado coa exuberante exhibición de tecnoloxía punteira en forma de gadgets por todas partes fan que sexa difícil aburrir-se en ningún intre. Os ocasionais intres de humor (o filme contén un par de chiscadelas á versión orixinal, coma a famosa prostituta de tres peitos ou a muller do aeroporto) e mais o pouco complicado do argumento tamén axudan a manter a atención.
Na parte negativa, e hai que dicir que a balanza inclína-se definitivamente cara a esta banda, hai demasiadas cousas que non se poden pasar por alto. O argumento é inconsistente, pretendidamente sombrío e realista pero patético nas suas premisas políticas iniciais. O malo do conto (o líder da Federación Británica, o cruel Vilos Cohaagen) semella un mal calco do conde Drácula, os ocasionais intres que fan dubidar se isto é un soño ou é a realidade están totalmente desaproveitados, e o líder dos rebeldes (xa non é un boneco que sae do bandullo doutro) é un papel mal escollido: ninguén podería dicir que Bill Nighy é un perigoso terrorista, nin sequera un líder corrupto coma Cohaagen.
Demasiado predecíbel ao cabo, esta nova versión carece de substáncia, de profundidade, dos emocionantes xiros argumentais da primeira, da súa orixinalidade e mesmo da súa pretensión de clasicidade non acadada. É unha película para mirar e esquecer. Collin Farrell é un bó actor, sen dúbida millor ca Schwarzenegger (calquera é millor ca Arnie), pero neste papel semella estar por bocexar todo o tempo, se cadra por aquilo de que ten problemas para conciliar o soño. A súa muller, Lori, é unha asasina frenética para que a verba inglesa “bitch” fica demasiado curta, e Melina é un persoaxe demasiado incríbel, ao non sabermos ren da súa orixe ou do trasfondo da história anterior, nunca relatada.
Había motivos para facer un remake? Non. E mália iso, fíxo-se, e o resultado foi malo. Póden-se buscar excusas pero Total Recall non-as merecería.