Frank Miller, autor da novela gráfica O regreso do señor da noite, ven de declarar que lle gustaría ver a súa história sobre un Batman decrépito na pantalla grande, no que podería ser o remate da triloxía do superheroe da DC Comics formada por Batman Begins e O Cabaleiro Escuro.
Preguntado por un xornalista sobre quen podería ser o máis axeitado para este Batman crepuscular, Miller abraiou a todos dicindo que o seu candidato é Sylvester Stallone. “Góstame moito Rocky Balboa“, explicou Miller, “porque é un guerreiro ferido, exactamente o mesmo que Batman en O regreso do Señor da noite“.
Os rumores ao respecto desta nova entrega do Home Morcego aparecen case diariamente na prensa. Continúa-se especulando sobre se Christopher Nolan dirixirá a película; Christian Bale, o seu protagonista, amosou-se receptivo a rodar outro filme sempre que Nolan sexa o director e non apareza Robin e baralláron-se vários candidatos para o papel de Catwoman – Cher, por exemplo – e algún dos superfalcatruáns da saga.
A última entrega da série, O Cabaleiro Escuro, é a película máis exitosa do ano, e tan só a mítica Titanic acadou en toda a história unha recadación maior nos Estados Unidos.