Unha das cousas que non imos escoitar no vindeiro relanzamento de Superman na pantalla grande no filme Man of Steel será a clásica música que compuxo John Williams para o primeiro filme de Christopher Reeve.
Zack Snyder revelou nunha entrevista que o seu relanzamento de Superman é exactamente iso, unha película que varrerá con todo o que había e comezará de cero: “Decidimos actuar coma se nunca se fixera unha película de Superman antes – mesmo ainda que gostamos moito dos filmes que se fixeron. Tiñamos que dicir que isto é unha película na que sae Superman por primeira vez e non podías logo dicir ‘ou, se cadra imos roubar algo da música das anteriores’. Así que si, é unha música marabillosa pero Hans Zimmer vai facer outra marabillosa tamén“.
Respeito ao proxecto en termos xerais, Snyder engadiu que “Superman é unha grande responsabilidade pero sentín que tiña que se presentar outra vez a unha xeración e coidei que esta era unha grande oportunidade. Temos grande respecto polo canon. Diría que hai unha loita de histórias e ideias. Superman é o rei de todos os superheroes, face-lo traballar é un grande choio. O grande desafío é se podes facer que xente sinta ‘o que farías ti se foras Superman?’ Iso é o que tentamos facer tanto coma poidemos. Superman sempre foi esa clase de grande boy scout azul nun trono que ninguén pode tocar, así que tentamos face-lo críbel“.
Se este filme será ou non o primeiro chanzo cara a unha película da Liga da Xustiza é algo que nin o mesmo Snyder sabe: “Sabemos que Superman é a xoia da coroa da DC. Queremos por a casa en orde. E despois? Quen sabe o que é posíbel…“.