O novelista americano Harry Harrison, ún dos derradeiros clásicos escritores de ciéncia-ficción, finou hoxe aos 87 anos, segundo informou a páxina Web oficial adicada á sua obra. Harrison acadou sona mundial grazas á novela Make Room! Make Room! (1963), que fabulaba sobre a superpovoación mundial, e que foi adaptada ao cinema en 1973 co título de Soylent Green, con Charlton Heston e Edward G. Robinson. As novelas de ciéncia-ficción de Harrison sempre contiñan un toque de humor irónico que lle gañou milleiros de fans incondicionais.
Nado en Stamford, Connecticut, en 1925, co nome de Henry Maxwell Dempsey, viviu moitos anos en México, Inglaterra, Irlanda, Dinamarca e Itália e chegou a aprender esperanto, o idioma pastiche creado polo polaco Ludwig Lazarus Zamenhof en 1887 e do que Harrison incluiu referéncias nas suas ficcións. Unha das suas maiores creacións foi o antiheroe Slippery Jim diGriz, protagonista da novela The Stainless Steel Rat (1961), que iniciou unha série de dez tomos, o derradeiro publicado en 2010. Outros títulos salientábeis da súa obra son Bill, the Galactic Hero (1965, na que satiriza o Starship Troopers de Robert A. Heinlein), a saga de Deathworld (iniciada en 1962) e A Rebel In Time (1983).
A Harrison sobreviven-lle dous fillos, Todd e Moira, froito do seu matrimónio con Joan Merkler, coa que viviu dende o seu casamento en New York en 1954 até a súa morte en 2002.