Gary Ross encárga-se do novo Peter Pan

0
218

Dende que Gary Ross abandonou o proxecto de Hunger Games: Catching Fire, estivo atrás de diversas ideias que non chegaron a coallar, coma The Secret Life Of Houdini, até que agora a Disney ven de lle ofrecer que dirixa Peter And The Starcatchers.

Ross encargaría-se deste xeito da adaptación que a Walt Disney fará da novela de Dave Barry e Ridley Pearson, e os estudos están a agardar polo guión que lle pediron a Jesse Wigutow, quen terá que entrega-lo en outubro. O filme polo de agora non ten un orzamento, pero Ross agarda poder escomezar a rodaxe xa o ano que ven.

O filme é unha espécie de precuela ao clásico Peter Pan de J.M. Barrie, unha aventura fantástica con piratas que comeza cando Peter lidera a un grupo de nenos orfos que estaban a traballar coma escravos do rei Zarboff. Peter acaba nun barco con Molly, que o intriga cunha história de como ela é unha aprendiz de Starcatcher, un grupo que recolle pó de estrelas que cae á Terra e lle dá poder aos que a atopan. Os dous deberán manter o pó máxico afastado das poutas do pirata Black Stache e das do rei. A novela xa conta cunha versión para un musical de Broadway.

De aceptar, Ross encargará-se do único conto de fadas da Walt Disney que ainda non conta cunha nova versión, e tamén poría-o a competir directamente coa Sony, que ten a Gavin O’Connor dirixindo Neverland, un filme sobre Peter Pan con guión de Billy Ray e produción de Channing Tatum, Reid Carolin, Joe Roth e Palek Patel.