Burger dirixirá a adaptación de Divergent

956

Unha vez que o seu nome deixou de soar coma director da adaptación ao cinema dos videoxogos da saga de Uncharted, Neil Burger, o director de Limitless e The Illusionist, está a considerar a opción de se poñer á fronte doutra potencial triloxía de ciéncia-ficción: Divergent, para a  Summit Entertainment.

Veronica Roth escribiu esta novela para adolescentes na que se basa o filme, mentres que a Summit ven de se facer cos dereitos para adaptar tamén a segunda parte, a súa secuela Insurgent que foi publicada en maio.

A história está ambientada nunha sociedade dividida en cinco faccións, cada unha das cales representa unha virtude específica: honradez, altruísmo, valor, pacifismo e intelixéncia.

Unha vez ao ano, os rapaces de 16 anos deben elixir a cal das cinco virtudes consagrarán o resto das súas vidas. Daquela, un rapaz e mais unha rapaza rebélan-se contra o sistema e descubren que hai un grave problema que ameaza con botar abaixo esta sociedade aparentemente perfecta.

Seica a produtora está moi interesada en Burger e que este desbancou a outros posíbeis directores de mais sona para o posto. A rodaxe deberá escomezar en marzo, coa ideia de estrear a primeiros de 2014.

O guionista de Snow White and the Huntsman, Evan Daugherty, está a adaptar o libreto para a pantalla grande mentres que Doug Wick, Lucy Fisher e Pouya Shabazian serán os produtores.