Luz verde para S.H.I.E.L.D. de Whedon

0
188

A canle ABC ven de encargar un episódio piloto para S.H.I.E.L.D, unha nova série con acción real do director e guionista de The Avengers Joss Whedon, que producirán a Marvel TV e mais a ABC Studios. O proxecto está baseado na organización para a preservación da paz S.H.I.E.L.D. (siglas de Strategic Hazard Intervention Espionage Logistics Directorate ou tamén Strategic Homeland Intervention, Enforcement and Logistics Division), que aparece tanto nos cómics da Marvel coma nos recentes filmes Iron Man, The Avengers, Captain America, Hulk e Thor. A organización está dirixida por Nick Fury e nos filmes foi a encargada de recrutar aos superheroes para facer frente á invasión da Terra ideada por Loki. Hai que relembrar que nos cómics, ao contário ca nos filmes, Nick Fury é branco e fuma puros, pero ambas cousas semellan ser políticamente incorrectas nestes días.

A série S.H.I.E.L.D. contará con guións de Whedon e con colaboradores habituais coma o seu irmán Jed ou a súa cuñada Maurissa Tancharoen. Joss Whedon ademais dirixirá o episódio piloto, se é que o seu calendário de traballo llo permite. A produción deste primeiro capítulo, que sinifica o primeiro proxecto para a televisión (á parte dos debuxos animados) da Marvel que recibe a luz verde de aprobación, comezará decontado. Joss Whedon, Jed Whedon e mais Tancharoen serán os produtores executivos xunto a Jeffrey Bell e a Jeph Loeb (da Marvel TV).

O proxecto levaba xa algún tempo nas mans da Marvel TV e mais a ABC Studios. A primeiros deste mes, o CEO da Disney Bob Iger anunciara a sinatura dun acordo exclusivo para o cinema e a televisión con Joss Whedon, que o incluía a el coma guionista e director da secuela de The Avengers e para desenvolver unha série de televisión con actores de carne e óso na canle ABC, propiedade da Disney.

Este será o regreso triunfal de Joss Whedon á pequena pantalla, un médio no que creou algúns programas que son xa clásicos de culto, coma Buffy Cazavampiros, Firefly ou Dollhouse. O matrimónio formado por Jed Whedon e Tancharoen xa colaborara anteriormente con Joss Whedon no filme para Internet Joss Whedon’s Dr. Horrible’s Sing-Along Blog e tamén en episódios de Dollhouse e Spartacus.

Á parte deste proxecto xa aprobado, a Marvel TV ten aínda un par de ideias mais en desenvolvemento para a ABC Studios, incluíndo unha nova série sobre Hulk.