Sam Raimi está vencellado a unha chea de proxectos estes días, coa nova versión de The Evil Dead de Fede Alvarez coma o mais salientábel. Pero antes de que chegue ese filme, está a promocionar The Posession, dirixido polo danés Ole Bornedal, e tivo ocasión de contar á prensa o que lle atraiu deste conto de medo supostamente baseado en feitos reais.
“O meu parceiro, Nathan Kahane, trouxo á oficina un artigo do Los Angeles Times, escrito por Leslie Gornstein“, explica Raimi, “e titulába-se Jinx in a Box. Ía sobre esa terríbel caixa Dibbuk, e o artigo falaba sobre a história de todas esas persoas que entraron en contacto con ela e as cousas terríbeis que lles aconteceron, e realmente metía moito medo“.
No filme, a pequena Natasha Calis merca unha desas caixas e é posuída por un espírito malvado. Raimi sempre foi un fan das posesións nos seus filmes, seica porque o considera un fenómeno que o público pode entender.
“É moi doado, de tres xeitos distintos, ver que a posesión existe no noso mundo“, dixo Raimi. “O primeiro é cando ves a unha persoa moi dominante que ten a alguén baixo o seu control psicolóxico. Sabemos que iso existe, dese xeito. A dominación do própio espírito e mente non é unha cousa agradábel, pero coido que acontece“.
“O segundo tipo de posesión que vemos é unha posesión por computador. Ti podes ir e hackear o computador dalguén e apoderar-te do seu cerebro. Non é unha cousa viva, senón unha mera posición matemática. Podes dicir ao seu computador que faga calquera cousa que queiras que faga. Así que existe dese xeito no noso mundo“.
“E finalmente están os virus, que son un pequeno anaco de ARN que se replica dentro do noso ADN e lle di ao noso corpo ‘Replíca-me até a morte, tolearemos e tomaremos o control’. Realmente está a controlar o teu corpo. Está aí en segredo, até que un día se dá a coñecer. Esa é a clase de posesión física que ten lugar. Así que xa hai moitas clases de posesión no noso mundo, é realmente un pequeno paso para min acreditar que este tipo de posesión pode ser real“.
O filme The Posession, protagonizada por Jeffrey Dean Morgan e Kyra Sedgwick, estréa-se mañán nos Estados Unidos e o 20 de setembro en toda Europa, pero a Galiza non chegará coma moi cedo até o 21 de decembro.