A meiga chuchona na Fnac

0
233

Cartace do filmeHoxe luns, 10 de decembro, ás 19:30, terá lugar a terceira entrega de Intertextos, conversas sobre creación audiovisual que acolle a sede da Fnac da Coruña coa participación da Axéncia Audiovisual Galega.

Nesta ocasión o protagonismo caerá na curtametraxe de animación A meiga chuchona (2006), realizada por unha das maiores revelacións do audiovisual galego dos últimos anos. Nesta peza o novo creador Pablo Millán puxo en imaxes unha história popular encadrada dentro da tradición plástica galega.

Para lle dar a réplica, debater e comentar os distintos aspectos do filme foi chamado Isaac Díaz Pardo, un dos artistas e intelectuais mais senlleiros de Galiza. Desde modo, a animación dos filmes realizados por autores novos buscará a complicidade, a sabedoria, experiéncia e capacidade probada dun dos artistas mais recoñecidos.