Alan Moore anúncia un cómic lovecraftián

0
405

No decurso dunha conversa cos afeccionados que durou aproximadamente dúas horas e que se celebrou o pasado sábado na Northants International Comics Expo (Inglaterra), o lendário guionista Alan Moore reapareceu por primeira vez en 25 anos coma convidado de honra, nunha convención que tamén contou con outros ilustres artistas do cómic coma Alan Davis, Steve Dillon, Clint Langley, Greg Staples e John Watson.

O autor de V for Vendetta e Watchmen anunciou a vindeira publicación dun novo cómic sobre H.P. Lovecraft, que levará por título Providence e que será editado pola Avatar Press. A série terá dez números e estará protagonizada polo mesmo Lovecraft en persoa. Ambientada en Nova Inglaterra en 1919, o cómic explorará os acontecementos que converteron a Lovecraft no mestre da ficción de terror cósmica.

Nel tamén haberá un policía xudeu e secretamente gai e falará-se sobre as simpatías de Lovecraft por Adolf Hitler. A anterior série de Moore nesta editorial, Neonomicon, tamén estivera inspirada polas histórias de Lovecraft.

Polo de agora non se sabe con seguridade cando Jacen Burrows, o debuxante que colaborou con Moore en vários títulos da Avatar incluindo as recentes Neonomicon, The Courtyard e Yuggoth Cultures and Other Growths poderá reunir-se con el para o novo proxecto, pero o mais probábel é que sexa xa en outubro.

Por outra banda, na mesma léria, Moore aproveitou para criticar a Stan Lee, a quen acusou de se apropiar da creación do Capitán América e de se aproveitar da súa relación con Jack Kirby e Steve Ditko: “hai unha razón pola que o Alegre Jack Kirby non estaba sempre alegre, pola que o Robusto Steve Ditko non estaba sempre robusto e pola que o Sorrinte Stan Lee estaba sempre sorrinte“, dixo Moore.

Ademáis, chamou “ridículo” ao controvertido Rob Liefeld, con quen traballou na defunta Awesome Comics e falou de que o seu auténtico mestre foi sempre Will Eisner.