Remake de Metrópole

0
201

Cartace do filmeO produtor Thomas Schuehly (Alexander) ven de adquirir os dereitos para facer un remake do clásico filme de ciéncia-ficción de Fritz Lang Metrópole e vai-se asociar con Mario Kassar para rodar unha versión actualizada do filme de 1927.

A empresa muniquesa Schuehly e mais Kassar están arestora en negociacións con vários directores para que se encarguen do filme, pero a decisión final sobre quen será o escollido non será dada a coñecer até os vindeiros meses. Schuehly obtivo os dereitos do filme grazas ao seu acordo coa empresa editorial vienesa Sessler Verlag.

A influenza de Metrópole, ún dos filmes pioneiros da história do cinema, é evidente en obras clásicas do século XX, dende o Frankenstein de James Whale ao Dr. Strangelove e mais o 2001: Unha Odiseia do espazo até Blade Runner, Gattaca ou Matrix.

Considerada unha das películas máis caras da súa época, Metrópole está ambientada nun futuro que daquela era afastado pero hoxe está preto, no ano 2026, nunha xigantesca cidade-Estado caracterizada polos seus enormes rañaceos e a súa arquitectura art-decó.

O filme, que se atopa na lista oficial do rexistro mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Cultura e a Ciéncia, forma parte da herdanza cultural de Alemaña, e amosa a loita de clases entre a rica sociedade de planeadores e pensantes, que viven por riba da terra, e os traballadores, que viven por baixo dela, esforzándo-se por manter as vidas de lecer dos privilexiados.