Vampiros iraníes no Vello Oeste

0
204

A nova compañía produtora de Elijah Wood, Daniel Noah e mais Josh C. Waller, a The Woodshed, ven de anunciar dous novos proxectos para o cinema.

O primeiro será un filme de vampiros en branco e negro, rodado en língua farsi e ambientado no Vello Oeste que levará por título A Girl Walks Home Alone at Night. Este pastiche de xéneros que semella mais unha brincadeira ca un proxecto no que gastar os cartos, incluirá ademais música de Westerns dos anos 60 e pop iraní actual misturados na súa banda sonora.

Ana Lily Amirpour fará o seu debut na dirección deste proxecto, ambientado nunha vella vila pantasma iraniana fictícia. Alí unha estraña povoación verde é enmeigada por un vampiro solitário que ataca especialmente aos cidadáns mais pervertidos da vila.

A rodaxe por motivos óbvios non pode ser en Irán, así que escomezará en Taft, Califórnia, en xaneiro.

O segundo proxecto é o filme xa completado de Jason Banker Toad Road, e no que a Woodshed asociará-se coa Blackout Films e mais a Random Bench.

A história desdebuxa a liña entre o documental e a narración para crear un perturbador retrato do uso das drogas entre a cultura xuvenil ao redor dun terríbel acontecemento sobrenatural na infame Toad Road de New Jersey, o lugar onde segundo as lendas urbáns está a porta do inferno.