Se hai poucas semanas a Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, parabenizába-se polo anúncio de que o derradeiro título da saga de Harry Potter sairá ao mercado ao mesmo tempo en castelán, catalán e en galego, pouco tardou en chegar unha notva, tamén relacionada coas aventuras do xove meigo, que nos devolve á precária situación que vive o noso idioma en eidos tan importantes coma o lecer e os audiovisuais.
Segundo anunciou a Warner, empresa encargada da distribución dos filmes de Harry Potter no Estado español, o novo DVD das aventuras deste meigo adolescente, Harry Potter e a Orde do Fénix, está xa no mercado con opción no seu menú de línguas de castelán, inglés, catalán e portugués, porén non de galego, como desde a sección xuvenil da Mesa reclamaran continuamente.
De novo a Warner prohíbelle a Potter e aos seus amigos empregar a mesma lingua que moitas e moitos dos seus fieis seguidores galegos, pequenos e non tan pequenos, empregan acotío: o galego. Se xa a Mocidade pola Normalización Lingüística promovera no seu día, xunto coa própia Mesa, protestas pola auséncia do galego nas exhibicións cinematográficas das distintas aventuras de Harry Potter, agora a mesma exclusión chega ao eido dos DVD.
A Mocidade pola Normalización Lingüística pregúnta-se o que fan as administracións responsábeis de velaren polo cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Língua Galega, aprobado no Parlamento da Galiza en 2004, para se cumpriren as medidas que o própio Plan anuncia.