A Asociación de Amigos do Samaín relémbra-nos que nestas datas e dende hai xa nada menos ca 23 anos recuperou-se na vila coruñesa a tradición de tallar as cabazas na véspera do día de defuntos. Aquel vello costume hoxe recuperado grazas á Festa do Samaín celebra o momento do remate do verán e do comezo do inverno, que para os antigos celtas era o final do ano. E en Cedeira reunirán-se para lle dar a benvida ao novo período unha vez mais.
A Festa do Samaín acadou unha grande repercusión en toda Galiza, e hoxe en día celébra-se nunha gran cantidade de lugares con diferentes nomes: festa das cabazas, dos calacús… Ao redor da festa producíron-se outros fenómenos culturais importantes, como a publicación do estudo antropolóxico Samaín: a festa das caveiras ou o conto teatralizado Indo para o Samaín.
Pero tamén estes anos, e apoiada principalmente polo cinema e a televisión, espallou-se paralelamente ao Samaín a versión exportada na outra beira do Atlántico, o Halloween. Iso está a provocar que moita xente pense, sobre todo nas zonas urbanas descoñecedoras desta antiga tradición, que o noso Samaín e só unha copia importada, e que na nosa terra nunca se tallaron cabazas. Mesmo se chega a preferir a festa que vén de fóra e a rexeitar á nosa.
Para evita-lo, en Cedeira e noutras moitas vilas de Galiza han seguir ano tras ano celebrando esta festa, que incluirá actividades para os nenos na fin de semana seguinte ao Samaín, do 2 ao 4 de novembro.