O último Conan que vimos nas pantallas grandes, Jason Momoa, deberá ceder-lle o seu posto ao vello Arnold Schwarzenegger, quen vai regresar ao papel que lle deu sona grazas a un acordo que ven de asinar coa Universal Pictures e mais a Paradox Entertainment para traer de volta ao persoaxe en The Legend Of Conan.
A Universal posúe os dereitos para todo o mundo e foi a responsábel da produción do primeiro filme, o que lanzou a carreira de Schwarzenegger en 1982. Agora seica queren te-lo todo preparado para unha estrea no verán de 2014.
Este non será un relanzamento nin unha nova versión do persoaxe creado por Robert E. Howard, tal e coma aconteceu co Conan do ano pasado protagonizado por Momoa. E polo que se comenta, tamén ignorará os acontecementos da secuela de 1984 Conan the Destroyer. No seu lugar, será unha secuela directa do primeiro filme, o orixinal de John Milius Conan the Barbarian, e terá lugar trinta anos despois dos feitos narrados naquela película.
“O filme orixinal rematou con Arnold no trono coma guerreiro experimentado, e esta será a toma que adoptará o filme“, dixo o produtor Fredrik Malmberg. “É ese tipo mítico viquingo nórdico que fixo os papéis de rei, guerreiro, soldado e mercenário, e que se acostou con mais mulleres ca ninguén, preto do derradeiro ciclo da súa vida. Sabe que vai ir ao Valhalla, e quere ir-se cunha boa batalla“, engadiu.
Chris Morgan (Fast Five, Wanted) foi o autor da história, á que alcuma “Conan’s Unforgiven” [Os non perdoados de Conan] e podería ser o guionista dependendo de como teña de cargado o seu calendário de traballo xa que ten o compromiso de escribir unha sétima entrega de Fast and Furious após da sexta, actualmente en rodaxe. En todo caso, será un dos produtores.
Polo de agora deberán decidir se esta entrega será tamén para maiores de 18 anos, coma a orixinal, porque teñen a intención de conservar os elementos mais sinistros e brutáis que debuxen a dureza do contorno do filme orixinal.