A Disney producirá outra triloxía de Star Wars

0
231

A Disney ven de mercar a LucasFilm Ltd., a empresa creada e dirixida por George Lucas por 4.000 millóns de dólares, segundo anunciaron onte as dúas empresas. Como parte do acordo, a Disney producirá tres novas entregas da saga da Guerra das Galáxias, recomenzando asemade unha das mais exitosas franquías da história.

Ademais, a Disney tamén adquiriu a produtora cinematográfica da Lucasfilm e as divisións de produtos para o consumidor, animación, efectos especiais, efectos de són e de post-produción, así coma moitas tecnoloxías de entretimento revolucionárias. A Disney pagará a metade dos 4.000 millóns en metálico e a outra metade en accións, co prezo baseado no que actualmente teñen na Bolsa.

Lucas, o lendário creador da saga da Guerra das Galáxias, fundou a Lucasfilm en 1971 e a empresa produciu moitos dos proxectos de alto perfil do realizador, comezando por American Graffiti e incluíndo por suposto as franquías de Star Wars e mais a de Indiana Jones.

A Lucasfilm reflicte a extraordinária pasión, visión e capacidade narrativa do seu fundador, George Lucas“, dixo Bob Iger, o presidente e CEO da Disney nun comunicado. “Este acordo combina unha carteira de contidos de nivel mundial que inclúen a Star Wars, unha das franquía familiares mais grandes de todos os tempos, coa creatividade única e sen precedentes da Disney a través de moitas plataformas, negócios e mercados para xerar crecemento sostido e producir un valor sinificativo a longo prazo“, engadiu.

Lucas, co-presidente e CEO da Lucasfilm, deixara claro nos últimos tempos que planeaba abandoar a súa compañía e deixa-la nas mans da súa colaboradora habitual Kathleen Kennedy, quen o sucedeu a partir de xuño.

Kennedy será agora a presidenta da Lucasfilm, baixo as ordes directas do xefe dos estudos Disney Alan Horn. Kennedy será ademais a produtora executiva dos novos filmes da Guerra das Galáxias, nos que Lucas traballará como consultor creativo. Ademais do seu papel coma presidenta, Kennedy será a manager da marca de Star Wars e axudará á Disney a capitaliza-la con novos videoxogos, xoguetes e calquera outra cousa.

Iger dixo que este acordo encaixa perfectamente coas prioridades estratéxicas da Disney, engadindo ao capital da Disney os dereitos de autor da Lucafilm, onde xa figuran os da Marvel e mais a Pixar.

Por outra banda, a Disney anunciou a chegada dunha sétima entrega da saga de Star Wars, que chegará aos cinemas en 2015. Iger revelou que a Disney lanzaría a sétima, oitava e novena partes da franquía de Star Wars e que planean lanzar unha nova película cada tres anos despois da novena.

Nos últimos 35 anos un dos meus grandes praceres foi ver como a Guerra das Galáxias pasaba dunha xeración á seguinte“, dixo Lucas nun comunicado. “É hora para min de pasar Star Wars a unha nova xeración de realizadores. Sempre coidei que Star Wars viviría alén min e coidei que sería importante organizar a transición durante a miña vida. Confío en que coa Lucasfilm baixo o liderazgo de Kathleen Kennedy, e tendo un novo fogar dentro da organización da Disney, Star Wars vivirá e florecerá para moitas xeracións vindeiras. Os logros e experiéncia da Disney dan á Lucasfilm a oportunidade de abrir novos camiños no cinema, a televisión, os médios interactivos, parques temáticos, entretimento e produtos para os consumidores“.

A Disney adquiriu a Marvel en 2009 por outros 4.000 millóns de dólares e a Pixar en 2006 por 7.400 millóns, creando unha megacorporación baixo a que se acobillan algunhas das marcas de entrtimento de mais éxito no mundo.

O xefe de finanzas da Disney, Jay Rasulo, comparou a adquisición da Lucasfilm cos compra da Marvel en termos de gañancias potenciais. Rasulo fixo notar que a Lucafilm xerou benefícios de 550 millóns de dólares en 2005, o último ano que saiu unha película da saga da Guerra das Galáxias.