Locke & Key será unha triloxía no cinema

0
192

Hai cousa dun ano a canle Fox decidira non seguir adiante coa ideia de facer unha nova série de televisión que adaptase á pequena pantalla o cómic de terror e casas enmeigadas Locke & Key.

A decisión surprendeu a toda a equipa, que xa tiña rodado o episódio piloto baixo as ordes do director Mark Romanek e coa produción de Miranda Otto, Nick Stahl e Jesse McCartney. De feito aquela episódio recibiu moi boas críticas dos espectadores que poideron chegar a ve-lo.

Agora a Universal Pictures ven de adquirir os dereitos sobre a série e anúncian os seus plans de converte-la nunha triloxía de longametraxes para o cinema.

Ambientada nunha pequena vila de Massachusetts, a história vai sobre unha nai e mais os seus tres fillos que se mudan a unha nova casa após de que o seu home fora asasinado. A enorme finca ten moitas zonas ás que só se pode acceder usando chaves especiais e unha forza malvada no interior da casa atrae ao asasino do marido á vila para que remate co resto da família.

Joe Hill (Horns) creou o cómic, que ía contar coa adaptación de Roberto Orci e Alex Kurtzman (os guionistas de Transformers e Star Trek) nunha soa longametraxe.

Após de que non fora posíbel facer a película, Orci e Kurtzman convertéron-se en produtores executivos da série de televisión, pero como tampouco este proxecto saiu adiante, regresarán agora coma guionistas da triloxía.