Os xornais americanos publicaron hoxe novos detalles sobre a vindeira entrega da saga de Indiana Jones, Indiana Jones and the Kingdom of the Crystal Skull, que seica estará ambientada nos anos da Guerra Fría, concretamente en 1957.
Segundo desvelou o co-produtor Frank Marshall, esta cuarta parte tratará sobre a procura por terras sudamericanas dunha relíquia que posúe poderes sobrenaturais.
Mentres tanto, Indiana Jones leva unha vida acougada como profesor. Pero unha vez que o arqueólogo é enviado de novo ao perigo, a aventura levaráo a New Mexico, Connecticut, Ciudad de México e as xunglas do Perú.
Indy terá que se enfrontar aos perigosos axentes secretos da Unión Soviética, entre os que se atopará a gañadora dun Oscar Cate Blanchett, no papel da sedutora axente Spalko.
Ray Winstone (Beowulf) será o coprotagonista, facendo o papel dun arqueólogo rival pouco ético. Shia LaBeouf, pola súa banda, irá vestido con chaqueta de deportes, levará gomina no pelo e conducirá unha moto, todo elo no papel de atlético acompañante do heroe.
Este filme tamén conterá chiscadelas para as outras entregas da saga, e así haberá unha aparición de Karen Allen (Marion Ravenwood), no mesmo persoaxe que xa interpretara na película de 1981 Na procura da Arca perdida.
Marshall engadiu que o artefacto que dá nome ao título está inspirado nun obxecto real, unha escultura dunha caveira de cristal de cuarzo cuxas orixes están discutidas e á que algúns lle apoñen poderes místicos. Indiana Jones and the Kingdom of the Crystal Skull ten prevista a súa estrea o 22 de maio de 2008.