Del Toro, confirmado para Crimson Peak

0
269

Seica o cineasta mexicano Guillermo Del Toro atopou por fin o seu seguinte proxecto após de rematar recentemente con Pacific Rim: o thriller sobre casas enmeigadas Crimson Peak.

A Legendary Pictures, que tamén lle produciu Pacific Rim, pechou un acordo co director para que se encargue deste proxecto, que até agora estaba nas mans da Universal Pictures. A Universal de todos os xeitos ainda posúe un dereito de opción e podería incorporar-se para financiar o filme mais adiante.

Polo de agora, Lucinda Coxon foi contratada para reescribir o guión orixinal de del Toro e de Matthew Robbins.

Del Toro adiantou que o proxecto é unha versión moderna do clásico conto de pantasmas e de filmes coma The Haunting e The Innocents.

A rodaxe ten previsto escomezar en febreiro de 2014, xusto despois de que del Toro remate coa postprodución de Pacific Rim, co episódio piloto de The Strain para a canle FX, e mais coa súa parte no filme de debuxos animados sobre Pinocho.

Del Toro desvelou ademais que a Legendary tamén está desexando axuda-lo a sacar adiante o seu proxecto mais ambicioso, a adaptación ao cinema da novela de H.P. Lovecraft Nas montañas da loucura.