18. Jan 2021
O guionista de The Falcon and the Winter Soldier, Derek Kolstad, escribirá e desenvolverá un concepto para unha série de televisión baseada na franquía de xogos de rol Dungeons & Dragons, que a adaptará con acción real á pequena pantalla. O proxecto polo de agora non ten calendário de produción e non garda relación coa longametraxe que a Paramount Pictures, a Hasbro e a eOne están a facer pola súa conta. O mes pasado se soubo que Chris Pine estaba a negociar unha posíbel entrada no elenco.
18. Jan 2021
Hai un mes comezou o rumor de que Charlie Cox (Daredevil na série da Netflix) podería participar no filme Spider-Man 3 da Marvel e a Sony. Agora algunhas fontes din que o actor de 38 anos foi visto nos estudos onde se está a rodar a película. Daredevil foi o primeiro superheroe que tivo unha série de seu na Netflix, onde fixo moitas referéncias aos acontecementos de The Avengers, creando deste xeito un vencello moi evidente co universo Marvel. Após de que a Marvel recuperase os dereitos sobre os persoaxes, as séries da Netflix foron canceladas, pero os rumores disparáron-se cando Kevin Feige deixou a porta aberta a un posíbel regreso.
18. Jan 2021
No decurso dunha conversa online cos seus fans, o realizador Zack Snyder indicou o venres que a súa versión de Justice League, o famoso SnyderCut, xa non vai ser unha série limitada de catro episódios na HBO Max, senón un filme de catro horas. Non está claro se a Warner e a HBO están de acordo, pero até agora sempre se pregaron aos seus requerimentos. O único certo polo de agora é que o título Zack Snyder’s Justice League non se poderá utilizar por motivos legais. Haberá que agardar á aparición do póster oficial para sabermos mais.