NOVA FANTASIA é unha revista electrónica fundada en Vigo en 1997 e con presenza na Internet dende 1999, escrita íntegramente en galego, e adicada a difundir o xénero fantástico: nela teñen cabida a ciéncia-ficción, o Terror, a Fantasía heróica e todos os xéneros que entran no amplo mundo da Fantasía, vista dende todos os eidos posibles: literatura, cinema, cómic, música, etc.
Os noso dobre obxectivo é dignificar a nosa língua e dignificar o xénero fantástico. Escribimos só en galego porque esta é a nosa língua e escribimos sobre fantasía porque é o que nos gusta. A ninguén se lle escapa que tanto galego coma fantasía son desprezados dun ou doutro xeito na actualidade: o primeiro, porque non sería abondo universal. O segundo, porque é un xénero para nenos. En NOVA FANTASIA rexeitamos ambas afirmacións. O galego é a nosa língua, que nos identifica coma membros dunha comunidade nacional cunha história que se remonta á idade de ferro. E relembrando a Castelao, se aínda somos galegos é por obra e graza do noso idioma, unha língua que vive e florece no mundo baixo o nome de portugués, con máis de 250 millóns de persoas que nos entenden e saben de que falamos. Precisamente porque somos universáis, entendemos que o galego non é a língua que nos diferéncia do mundo, senón a que nos une a el. O portugués non é unha língua irmá, é a nosa filla. E coma orgullosa nai, queremos o mellor para ela e querémo-nos tamén asemellar un pouco, para continuarmos sendo unha família ben avida.
A literatura, o mais salientábel dos logros culturáis da humanidade, naceu coma xénero fantástico. As primeiras obras literárias do mundo en case todas as línguas ou ben naceron coma fantasía (a Épica de Gilgamesh, a Odiseia, o Beowulfo…) ou ben contiñan un poderoso e inseparábel elemento fantástico (a Divina Comédia, as Chansons de Geste…) que xerou ou foi xerado polas relixións, que non son mais ca fantasía institucionalizada. Que no noso mundo actual a electrónica e a enxeñaría teñen mais valor cá literatura non é un segredo. Pero si un erro, porque é xusto agora cando mais precisamos de todo o noso coñecemento para nunca esquecer quen somos e cara onde imos. A fantasía é o vencello que une á humanidade na ideia de que existe un mundo mellor, pasado ou futuro, e que ese é o destino da nosa vida.
Se a onde imos está claro, fica mencionar quen somos os que imos. Estas persoas son as que facemos NOVA FANTASIA cada día:
EDITOR:
Fran Morell
COLABORAN CONNOSCO:
A.C. Tyger
Alfonso Javier Canosa Rodríguez
Emma Nogueira (Traducións)
Frank Roger
Gareth D. Jones
José Arias Taboada
Rafael Avendaño
Ramón González
Z.S. Adani
…e moitos mais!
Se desexas atopar-nos, tamén che amosamos os nosos enderezos. Estamos sempre ao teu dispór. E non esquezas que tí tamén podes formar parte desta equipa. Tan só tés que te pór en contacto connosco.
Agora xa sabes quen somos, pero nós tamén queremos saber quen es ti! Se tés algunha nova que nos contar, se estás ao tanto de novidades, concursos, publicacións, xogos… ou se tés algún libro, fanzine ou revista do que queiras que deamos referéncia, contacta connosco decontado.