ALF regresa… e fai anúncios

185

O can alieníxena devorador de gatos ALF (acrónimo de Alien Life Form) ven de ser resucitado para unha série de anúncios que aparecerán na canle de Ryan Reynolds, a Maximum Effort.

A devandita canle, que está dispoñíbel en streaming en plataformas coma Fubo, Amazon Freevee e Tubi, fíxo-se cos dereitos sobre a clásica série dos anos 80, e creará anúncios que se verán durante os episódios normais. A compañía traballou co creador de ALF, Paul Fusco, e coa Shout! Studios para desenvolver os segmentos comerciais.

Os anúncios comezarán a se emitir no decurso dunha maratón de ALF o 29 de xullo, titulada Caturday.

Na Maximum Effort encánta-nos aceptar riscos e mesturar as liñas entre as séries e os patrocínios porque coidamos que ambas poden ser igual de interesantes“, dixo Reynolds nun comunicado. “Ademais do meu irracional amor por ALF dende cativo, unha das razóns polas que nos fixemos cos dereitos da série é precisamente porque Paul, a Shout! Studios e mais os nosos intrépidos parceiros comerciais querían confabular connosco para traer a ALF á vida. Sintoníza-nos este Caturday!“.

A Maximum Effort comezou as súas emisións en xuño na plataforma Fubo. O mesmo Reynolds aparece nalgúns dos seus contidos, coma nunha série na que lé contos aos espectadores antes de ir a durmir. Porén, a adquisición dos dereitos dunha comédia clásica e a integración de contidos comerciais protagonizados polo persoaxe principal é un paso nunha dirección nova nas canles gratuítas de streaming.