Yip fai-se co control dos Anéis

593

O realizador inglés Wayne Che Yip será o director da seguinte quenda de episódios da primeira tempada de The Lord of the Rings, a série que está a producir a Amazon Studios para a televisión.

O xa anunciado J.A. Bayona encargou-se dos dous primeiros episódios da série, que continúa a se rodar en Nova Celándia. Yip tomará o mando a partir de agora para os seguintes catro episódios da primeira tempada.

Yip conta cunha experiéncia salientábel na televisión, onde os seus cretos poden ver-se en séries coma Utopia, Misfits e Doctor Who na televisión inglesa, ou Doom Patrol e a vindeira The Wheel of Time a nivel mais internacional.

Nun comunicado, Yip dixo: “É unha verdadeira honra ser convidado ao mundo de Tolkien por J.D. e Patrick e pola Amazon Studios. Cada día estou desexando traballar coa incríbel equipa de Nova Celándia mentres contribuímos humildemente ao legado das mellores histórias xamais contadas“.

A nova série será unha precuela, ambientada milleiros de anos antes dos acontecementos de The Lord of the Rings, durante a Segunda Era da história da Terra Média, o período no que se forxaron os anéis. A série conta con J.D. Payne e Patrick McKay coma produtores executivos e showrunners.