Exodus, prohibido polos mahometanos

1144

A épica versión de Ridley Scott da mitoloxía do Éxodo narrada na Bíblia, o filme Exodus: Gods and Kings, non será distribuída en alomenos tres países que continúan a impoñer unha relixión oficial aos seus cidadáns: Emiratos Árabes Unidos, Exipto e Marrocos, e en todos os casos porque segundo din, o conto de Moisés que relata Scott contén “inexactitudes históricas e relixiosas“, polo que os comités de censura dos tres países decediron impedir a súa difusión. Non se descarta que outros países fagan o mesmo.

Ainda que o mito de Moisés ten tanto de histórico coma O Señor dos Anéis, os mahometanos consideran que o que se conta na Bíblia é unha verdade indiscutíbel, prohibindo calquera tipo de dúbida ao respeito. De feito, xa no mes de marzo censuraron o filme Noah, de Darren Aronofsky, afirmando asemade que o persoaxe mitolóxico non é descrito con exactitude.

Juma Obeid Al Leem, o director do departamento de censura dos Emiratos Árabes Unidos, dixo: “descobrimos que hai moitos erros non só referidos ao Islam senón tamén a outras relixións. Por iso, o filme non será distribuído nos Emiratos“.

Pola súa banda, a oficina de censura oficial de Exipto, moi activa dende a revolución que derrocou ao ditador Mubarak en 2011, dixo: “un dos erros históricos claves deste filme é que os xudeus construíron as pirámides. O filme trata a Moisés coma un xeneral do exército, non coma profeta. Ademais, amosa aos antigos exípcios coma unha masa que persegue aos pacíficos xudeus. A nosa oficina rexeitou isto por respecto aos sentimentos dos exípcios“.